Thursday 16 de May de 2024

Galicia liderou en 2014 o número de viaxeiros e pernoitas da España Verde


A Comunidade galega acolleu nos once primeiros meses do ano un total de 3.865.566 viaxeiros e 8.081.474 pernoitas

As comunidades da España Verde -o convenio interrexional de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi para a promoción do norte de España, fundamentalmente en mercados internacionais- xunto con Turespaña celebraron esta mañá en Xixón un encontro no que se fixo balance do pasado ano 2014.

A reunión contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora de Promoción, Carmen Pita; o director xeral de Comercio e Turismo do Principado de Asturias, Julio González; Mertxe Garmendia, a directora de Turismo do Goberno Vasco; Santiago Recio, o director xeral de Turismo de Cantabria; José Ramón Álvarez; o director Comercial e de Marketing de CANTUR; e Pascual Sarvisé, xefe do área de Turismo Deportivo, Natureza e Wellness da subdirección xeral de Marketing Exterior de Turismo de Turespaña.

Durante a reunión, expuxéronse os resultados turísticos acadados pola España Verde durante o pasado exercicio. Segundo os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística, Galicia foi a comunidade líder da España Verde tanto en número de viaxeiros –acadando os 3.865.566 nos once primeiros meses do ano- e en número de pernoitas -8.081.474-. En canto ao conxunto da España Verde destaca o incremento de turistas internacionais dun 8,4% e do 5,8% no caso das pernoitas; cifras por enriba da media española que creceu un 4,6% e un 2,8% en turistas e pernoitas internacionais.

Así mesmo, fíxose balance das iniciativas postas en marcha no marco deste convenio durante o pasado ano. Así, realizáronse durante o 2014 un total de 18 accións en nove mercados distintos, oito deles internacionais –Reino Unido, Francia, Alemaña, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia e EEUU-.

Neste senso, destacouse a posta en marcha do novo slogan “España Verde: o espírito do Norte”, baixo o que foron impulsados produtos turísticos como “Bodegas e pazos pola España Verde”, que se presentaron a axencias das catro comunidades ademais de a axencias e medios de comunicación de Alemaña e Francia. Tamén foi resaltada a exposición sobre natureza e surf nos Institutos Cervantes de Viena, Bratislava, Praga e Budapest que tivo un alcance estimado de 639.000 persoas, así como o apoio á produción e emisión en RTVE dunha serie especial sobre o Camiño de Santiago do Norte.

En canto a renovación do convenio, está previsto que, durante a próxima edición da Feira Internacional de Turismo FITUR, Asturias entregue a testemuña da coordinación a Euskadi, co obxectivo posto en seguir contribuíndo a reforzar as accións de promoción internacional das catro comunidades autónomas que forman parte deste.

Promoción e difusión conxunta do produto turístico surf
En canto ás liñas de acción para este ano 2015, a promoción e difusión conxunta do produto turístico surf constituirá unha das apostas máis decididas da marca turística España Verde co obxectivo de atraer visitantes ás costas de Galicia Asturias, Cantabria e País Vasco.

Os catro territorios do norte de España contan con vantaxes competitivas neste eido dentro do ámbito español e así, espérase que este produto chegue a converterse nun dos produtos vertebradores da marca España Verde.

Dese xeito, ao longo de 2015 desenvolveranse accións de promoción turística internacional que posibiliten o posicionamento deste produto que comercializarase baixo a denominación ‘Surfing Northern Spain’ .

Promoción internacional do Camiño do Norte
O Camiño do Norte será tamén ao longo deste ano 2015 un dos elementos fundamentais de promoción internacional da marca turística España Verde.

Deste xeito, está prevista, para este ano 2015, a organización de distintas actividades de mercadotecnia nos mercados emisores máis importantes para o turismo do norte de España, no que salientan os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.

Neste senso, España Verde ten previsto realizar varias viaxes de familiarización para axentes de viaxes e xornalistas, de xeito que poidan realizar o percorrido desta ruta xacobea a través dos distintos territorios que conforman a marca.

Así mesmo, entre as accións máis salientables para a promoción do Camiño do Norte, España Verde ten previsto organizar en colaboración co Instituto Cervantes, unha exposición itinerante en varios centros cos que conta este organismo na contorna internacional.

Polo que atinxe a este Camiño, a marca turística España Verde prevé tamén a organización de actividades de promoción a través da distintas asociacións de peregrinos distribuídas en varios países, para o que xa se está a contactar coas máis importantes.